06/08/2012

Depresión na Eurozona. Como restaurar a demanda agregada en estados como Grecia e España, sen crear novas burbullas


Yanis Varoufakis. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña. Yanis Varoufakis é un recoñecido economista greco-australiano de reputación científica internacional. Autor do aclamado The Global Minotaur (Zedbooks, Londres 2011: unha longa reseña crítico-analítica do libro pódese ler en SinPermiso Nº 12, en prensa), actualmente é profesor de política económica na Universidade de Atenas e conselleiro do programa económico do partido grego da esquerda, Syriza.

Cadro de George Grosz


"Determinadas economías da Eurozona seguen deprimidas e cun nivel de demanda agregada que cae máis a cada día que pasa. A súa depresión incrementa a probabilidade dunha desintegración da Eurozona, mentres que o incremento da probabilidade dunha desintegración da Eurozona contribúe a agravar a súa depresión. En algo hai que ceder. Se non se afronta a depresión de España, de Grecia, de Portugal, a Eurozona, simplemente, agostarase e morrerá. Desgraciadamente, por mor dos errados fundamentos da Eurozona, a depresión da periferia non pode afrontarse cunha xestión macroeconómica normal da demanda agregada. A menos que se "force" ao euro a ter o mesmo valor en toda a Eurozona, a depresión da periferia irá a peor e a Eurozona perecerá. A menos que se poña por obra certa mutualización da débeda sen necesidade de pedir aos contribuíntes alemáns que garantan as débedas doutros, a depresión da periferia conspirará coa crise do euro para pór fin á Unión Europea. E finalmente: o último que necesita Europa é outra burbulla para restaurar a demanda agregada. Non; o que necesitamos é erradicar, non só os síntomas da crise, senón tamén as súas causas subxacentes (isto é, o desbalance dos investimentos produtivos). Necesitamos, nunha palabra, un New Deal intelixentemente deseñado para Europa, co Banco Europeo de Investimento á cabeza."

Yanis Varoufakis, o autor do Minotauro global -para moitos, a mellor explicación teórico-económica da evolución do capitalismo mundial nos últimos 60 anos- e principal asesor económico de Syriza, o partido da esquerda grega, propón un plano realista e excelentemente argumentado para Grecia, para España e para o conxunto da Eurozona. Tradución para o galego de Revolta Irmandinha, a revista da Mocidade Irmandiña.

O problema que presenta toda crise é que elimina o tipo de escaseza que contribúe a que funcionen propiamente dous mercados cruciais (o mercado de traballo e o mercado de diñeiro/capital) e múdao por outro tipo de escaseza que causa o colapso deses dous mercados: a escaseza grave de demanda agregada. Iso é o que ocorreu nos anos 30 en EEUU e Europa. E é o que está a ocorrer agora, mais cun xiro abominábel, en países como Grecia e España. Pode reflotarse a deprimida periferia da eurozona estimulando a demanda agregada e sen que se formen novas burbullas? Como tería que ser un New Deal para a Eurozona?

Da escaseza de demanda agregada á depresión

Unha vez nas garras da escaseza de demanda, unha macroeconomía entra nunha depresión. Iso significa que as reducións salariais xeran paro e que os tipos de xuro cero non conseguen xa estimular o investimento. Se o goberno introduce a austeridade e apoia o poder negociador dos empresarios para reducir os salarios, o resultado é unha ulterior redución da demanda agregada e unha profundización da recesión. Esa macroeconomía podería ter a sorte de escapar á depresión, se se cumprise unha destas dúas condicións:

(a) o ambiente exterior é boiante, o que axuda á economía a incrementar a demanda das súas exportacións; e/ou

(b) comeza a incharse algunha burbulla (por exemplo, nos mercados financeiros e nos bens raíces) que dispara o consumo, o cal, á súa vez, impulsa o investimento e, ao cabo, restaura a demanda.

Un bo exemplo de (a) foi o Canadá dos 90. No que fai a (b), non se me ocorre mellor exemplo que o chamado "modelo anglosaxón", é dicir, o modo en que, baixo a cobertura ideolóxica do sinsentido neoliberal, o Reino Unido e os EEUU saíron da recesión de 1979-82 pola vía de cultivar burbullas masivas nos seus mercados inmobiliarios e financeiros.

Folga dicilo: non todas as caídas da demanda agregada inducen unha depresión. Alzas e baixas da demanda agregada forman parte dun ciclo económico normal. Que é o que converte unha recesión nunha depresión? Historicamente, iso sucede cando se incharon grandes burbullas nos mercados financeiros e inmobiliarios (burbullas que sempre van da man), causando a entrada de fluxos masivos de capital nunha economía e, logo, na cúspide do desenvolvemento económico que alimentaron, estalando. Desaparecidas as burbullas, o que de súpeto queda é un enorme sobreendebedamento. Nas atinadas palabras de John Lanchester, todos deben a todos, e ninguén pode pagar. Cando, chegados a este punto, o goberno busca pór cotos aos seus acrecidos déficits pola vía da austeridade, o desapalancamento seca o crédito, as empresas colapsan, a confianza fúndese, dispárase o desemprego, e entra en erupción unha tripla crise -débeda/deflación/quebra bancaria- que leva á depresión.

Depresión na Eurozona: os casos de Grecia, España, etc.

No caso das economías deprimidas da Eurozona, ao retrato até agora debuxado hai que engadirlle aínda unha engurra: incapaces de devaluar as súas moedas, e privados dun prestamista de último recurso, países como Grecia e España están atrapados nunha imposíbel trampa mortal. Cun BCE disposto a asegurarse de que ningún banco morrerá nunca, por enfermo que puidese estar, unha rede zombieficada, mortivivente, de moi distintos sistemas bancarios mantense "en vida" sen, no entanto, dispor da menor capacidade para cumprir cos seus deberes bancarios normais. Forzados periodicamente a recapitalizar eses bancos zombies (aos que o BCE non ofrece senón liquidez), os angustiados soberanos da Eurozona ven atados, eles mesmos, a un megalito que se afunde. Canto máis tratan de resucitar aos bancos para dar un fío de vida ás empresas, tanto máis se afunden na insolvencia. Un feito, este, que os mercados coñecen (polo que desisten de prestar a eses bancos) e que os depositantes locais temen (polo que trasladan o seu diñeiro ao exterior). Así, paulatinamente, os circuítos de crédito morren cuns bancos reducidos á única función de canalizar todo capital que segue neses países deixados da man de deus cara aos países superavitarios. Nun interminábel círculo de ruína e destrución, o feito de que os países superavitarios estean agora mesmo experimentando taxas de xuro sen exemplo histórico, polo inusitadamente baixas -cortesía da fuga de capitais desde as desventuradas nacións deficitarias-, reduce os incentivos dos políticos dos países superavitarios para actuar en axuda das nacións deprimidas e sacalas da trampa mortal.

Así as cousas, falar en termos convencionais da demanda agregada é entre unha tautoloxía e un... luxo. A demanda agregada é a suma de G+I+(X-M), na que G é o gasto público, I é o investimento e X-M é a exportación neta. Para estados como Grecia e España, as condicionalidades da Troika abaten G, e o colapso dos circuítos de crédito garanten que I será negativa. O único estimuliño vén de X-M, posto que M (as importacións) caen en picado e as empresas que aínda producen algo saen fóra en busca de clientes (empuxando así X á alza, até onde o permitan as condicións exteriores). Nunha palabra: a demanda agregada está polos chans nos nosos países, e cavando un buraco cara a... China (na medida en que a Troika impón o seu mandato e os bancos caen máis profundamente aínda no seu estado de zombiedade).

En suma, pois: a idea dos economistas alemáns de Kantoos', segundo a cal Grecia, España e outros están a experimentar unha seca de demanda agregada é, a cousa non ofrece dúbida, case tautolóxicamente verdadeira. É como dicir que un paciente de cancro terminal está a experimentar unha chea de dor. É verdade, mais non resulta de particular axuda desde un punto de vista analítico. A cuestión é: como se consegue restaurar a demanda agregada, sen reconstruír as burbullas que, ao estalar, orixinaron o problema?

A Modesta Proposición

Como Stuart Holland e eu viñemos sostendo desde fai agora máis de dous anos, a tarefa en que debería empeñarse Europa é a da restauración da demanda agregada sen que se formasen novas burbullas de débeda pública e de débeda privada. Para conseguilo, Europa necesita tres cosas (para unha análise detallada da nosa proposta, prema aquí):

1. Restaurar os circuítos de crédito

O pánico bancario nos estados deficitarios non se freará, a menos que un euro nunha conta bancaria española volva ter o mesmo valor presente que un euro nunha conta bancaria alemá ou holandesa. Para que iso ocorra, é necesario volver reducir a cero a probabilidade dunha desintegración da Eurozona, algo que non poden conseguir xa badaleiras declaracións da Sra. Merkel ou do Sr. Draghi: o que se precisa é a plena integración dos sistemas bancarios da Eurozona nun único sistema supervisado polo BCE e recapitalizado/nacionalizado polo ESM-EBA [Mecanismo Europeo de Estabilidade-Autoridade Bancaria Europea, polas súas siglas en inglés; T.].

2. Centralizar parte da débeda da Eurozona

Unha unión monetaria precisa dunha débeda común. Non só porque iso reduce os custos do empréstito de estados como o español ou o italiano nun momento en que están abocados á insolvencia, senón porque a mutualización da débeda actúa como un amortiguador que prevén o desenvolvemento dun efecto dominou tras un pánico bancario. Ademais, unha débeda común actúa como sinal aos mercados de que a Eurozona non pode romper. A nosa proposta de bonos emitidos polo BCE estaba concibida para fornecer un método sinxelo de creación desa débeda común, sen necesidade de cambiar os Tratados, sen necesidade de que Alemaña tivese que garantir a débeda doutros Estados membros e sen necesidade de preocuparse polos chamados problemas de azar moral.

3. Converter o aforro ocioso en investimento rendíbel

Como dito máis arriba, non queremos que unha nova burbulla cre a demanda agregada que falta. Europa non pode repetir o groseiro erro da era Thatcher, cando as perdas de demanda agregada debidas ao esborralle da capacidade industrial e aos recortes do sector público foron substituídas por unha xigantesca demanda agregada xerada polas burbullas xemelgas do Big Bang da City londiniense e da efervescencia do sector inmobiliario. Non; o que Europa necesita é achar unha vía para canalizar as existentes montañas de efectivo ocioso (tanto das grandes empresas que están a sacar fose o seu diñeiro, como dos bancos que, agora mesmo, prefiren estacionar montañas de euros no BCE a taxas de  xuro cero) cara a investimentos potencialmente rendíbeis. Para facer iso, o que suxerimos é dinamizar o Banco Europeo de Investimento (BEI) en conxunción co Fondo Europeo de Investimento (FEI) e co BCE apoiando (podería emitir bonos-BCE de consuno co BEI e co FEI).

Como axudaría iso a economías deprimidas como a de Grecia ou a de España? Pois asegurando que o fluxo agregado de investimentos cara a eses países sexa proporcional á escaseza de demanda agregada nos distintos Estados membros (en tanto que a distribución deses investimentos dentro dun país, por exemplo, España, deixaríase á decisión do BEI-FEI conforme a principios bancarios normais).

Conclusión

Determinadas economías da Eurozona seguen deprimidas e cun nivel de demanda agregada que cae máis a cada día que pasa. A súa depresión incrementa a probabilidade dunha desintegración da Eurozona, mentres que o incremento da probabilidade dunha desintegración da Eurozona contribúe a agravar a súa depresión. En algo hai que ceder. Se non se afronta a depresión de España, de Grecia, de Portugal, a Eurozona, simplemente, agostarase e morrerá. Desgraciadamente, por mor dos errados fundamentos da Eurozona, a depresión da periferia non pode afrontarse cunha xestión macroeconómica normal da demanda agregada. A menos que se "force" ao euro a ter o mesmo valor en toda a Eurozona, a depresión da periferia irá a peor e a Eurozona perecerá. A menos que se poña por obra certa mutualización da débeda sen necesidade de pedir aos contribuíntes alemáns que garantan as débedas doutros, a depresión da periferia conspirará coa crise do euro para pór fin á Unión Europea. E finalmente: o último que necesita Europa é outra burbulla para restaurar a demanda agregada. Non; o que necesitamos é erradicar, non só os síntomas da crise, senón tamén as súas causas subxacentes (isto é, o desbalance dos investimentos produtivos). Necesitamos, nunha palabra, un New Deal intelixentemente deseñado para Europa, co BEI á cabeza.


1. KE: "Canalizar máis demanda agregada cara a Grecia, porén, é un proceso cheo de dificultades. Os bancos necesitan recapitalización... No entanto, igualmente importante é que os investidores (e os depositantes) estean convencidos de que Grecia ficará no euro. Como se consegue iso? Seica obrigando aos depósitos gregos a regresar a Grecia, a modo de dispositivo de compromiso? Un desafío xurídico, por dicir o menos."

Non é precisamente un desafío, é unha imposibilidade dentro dunha  sociedade liberal e un mercado único. Tamén é innecesario. Os investidores só se convencerán de que a Eurozona se manterá, se se unifican os sectores bancarios. Pura e simplemente. (Véxase Política 1 da nosa Modesta Proposición.)

2. KE: "Os gregos necesitan mandar un sinal forte e críbel de que o seu compromiso co euro é definitivo. Os fondos europeos de investimento non serven directamente a este propósito; só indirectamente, facendo menos mala a situación. Eu creo que este aspecto se subestima, mais é importante."

Os gregos nunca deixaron de mandar este sinal. Nas últimas eleccións, o tres partidos máis votados (incluída Syriza) comprometéronse inequivocamente coa permanencia na Eurozona. Ademais, as sondaxes de opinión mostran máis dun 80% de apoio á permanencia na Eurozona. Así pois, o compromiso do pobo grego coa Eurozona xamais estivo en cuestión. Foi a Sra. Merkel a que suxeriu que calquera discrepancia grega cos termos e as condicións do rescate sería interpretada como un NON de Grecia á Eurozona. Imaxinan vostedes o que ocorrería, se o NON irlandés ou francés ao Tratado de Lisboa fose interpretado por Berlín como un NON á UE? Con que dereito pode dicirse que unha obxección dun pobo europeo a un determinado Tratado ou acordo equivale rexeitar Europa ou a Eurozona? Non, repito, o problema non é unha falta de compromiso grego coa Eurozona, O problema é máis ben a falta dun plan europeo para facer sustentábel a Eurozona.

3. Respecto da nosa proposta dun New Deal para Europa administrado polo BEI-FEI (véxase Política 3 da nosa Modesta Proposición), KE di: "Os bonos do BEI, de acordo con Yanis, serán servidos polo país que se beneficia do investimento? Como podería facelo Grecia? E que pasa, se o país beneficiario non os serve ou non pode servilos?"

Iso NON é precisamente o que nós propomos. O que propomos é que o BEI-FEI financie directamente proxectos rendíbeis en Grecia e noutras partes. Quen devolve a débeda dos bonos BEI-FEI emitidos para levar a cabo eses investimentos? Pois os proxectos de investimento mesmos. Non Grecia, non España, non o Reino Unido, etc. Supóñase, por exemplo, que o BEI financia unha liña ferroviaria entre Patras e Munich, unindo así a rede de trens de alta velocidade de Europa Occidental coa Europa Sudoriental (un proxecto de infraestruturas moi necesarias que, dito sexa de paso, beneficiaría enormemente ás empresas alemás e francesas). A nosa proposta é que o BEI financiase iso sen implicar aos Estados grego, eslovaco e austriaco. É dicir, financiaríao coma se fose un banco de investimento privado, baseándose en principios puramente bancarios, emitindo bonos BEI como estivo facendo desde hai 20 anos (e co posible respaldo dunha emisión neta de bonos por parte do BCE). No único que deberían implicarse os Estados é en dar as correspondentes licenzas ao proxecto e na expropiación de terreos. E como debe devolverse a débeda deses bonos? Cos ingresos do ferrocarril que van directamente aos depósitos de garantía bloqueados do BEI-FEI. Corre por conta do BEI-FEI (talvez en colaboración co BCE) cribar e elixir proxectos que teñan expectativas de elevados rendementos.

4. KE: "O investimento é un negocio arriscado, e alguén ten que estar disposto a asumir o risco."

Desde logo. O BEI veu facéndoo por décadas. E ten un brillante rexistro en punto a sacar beneficios diso. Todo o que Europa necesita facer é aproveitar a súa capacidade para realizar investimentos rendíbeis e liberala da esixencia de cofinanciación por parte dos soberanos insolventes.

5. KE: "Os bonos do BCE propostos por Yanis non sortean este problema. Trátase (iso espérase!) dunha transferencia, se se fai por baixo de taxas razoábeis que toman adecuadamente en conta o risco (nota: non dixen taxas de mercado). Está ben dicir que Alemaña ten que cargar con algunha parte dese risco, e estou de acordo. Pero sexamos honrados intelectualmente e comecemos por recoñecer eses riscos."

Vale, sexamos honrados cos riscos. Eu sosteño que, baixo a proposta dos bonos do BCE, Alemaña correría moitos menos riscos (se é que correse algún) que os que correrá baixo un mal deseñado Mecanismo Europeo de Estabilidade.

6. KE: "Non creo que debamos ter demasiada fe en institucións políticas á hora de xestionar ben eses investimentos. Non creo que poida entusiasmar a ninguén o rexistro de esforzos similares respecto diso en Alemaña do Leste, ou para o que ao caso fai, dos fondos estruturais en Grecia ou España. Proxectos como o da Política Agrícola Común (PAC) son outro exemplo europeo de malgasto do diñeiro do contribuínte que, a día de hoxe, e a despeito da crise ninguén discute."

Estou de acordo. O da Alemaña do Leste é un bo exemplo do que hai que evitar. O mesmo ocorre cos fondos estruturais administrados por Bruxelas. Precisamente por iso propomos nós ao BEI como alicerce das políticas de investimento da UE. Non a Bruxelas! No tocante á PAC, o seu propósito, desde o comezo, non foi o da eficiencia nin o da xustiza, senón "comprar! o apoio dos campesiños franceses e alemáns a unha unión aduaneira que lles causaría problemas á vez que proporcionaba enormes beneficios á industria pesada. Nunca foi máis que un pago lateral do capital oligopólico industrial aos rentistas agrarios.

7. KE: "Poida que o BEI teña un excelente rexistro até agora (algunha proba?), mais en parte, porque puido desenvolver os seus negocios sen ser molestado polos políticos europeos."

É farto posíbel. Manteñamos, así pois, o BEI como zona libre de política. Porén liberémolo tamén dunha necia restrición política que lle impide proporcionar a Europa moitos beneficios potenciais.

8. KE: "A necia sobreinversión antes da crise... debería tamén facer cauteloso a Yanis: si, temos un problema de demanda agregada (tamén coñecido como problema de subinversión)... pero necesitamos asegurarnos de que todo fondo europeo de investimento é competente e non se ve estorbado polas forzas nacionais que, en parte, levaron a Grecia ao momento en que agora se atopa."

Non podería estar máis de acordo. Nos termos da miña narrativa preferida, non necesitamos outra serie de burbullas. O que necesitamos é erradicar as causas da desintegración da Eurozona e derivar os aforros cara ao investimento rendíbel, real.

9. KE: "As exportacións son outra forma de dirixir a demanda agregada cara a Grecia. Como conseguiron os países asiáticos arranxarse para converterse nos exitosos exportadores que agora son?"

Grecia ten que mellorar as súas prestacións exportadoras. Iso é indiscutibelmente certo. Pero non poderá facelo até que: a) as empresas gregas rendíbeis orientadas á exportación recuperen o acceso ao crédito, e b) se reemprenda o investimento nesas empresas. As tres políticas da Modesta Proposición son un prerrequisito tanto para a) como para b). As tres? Si. Pensemos no Estado español, por exemplo. O seu potencial exportador é excelente. No entanto, sen un sistema de crédito que funcione e mentres o Estado e os bancos sigan fundidos nun abrazo mortal, o potencial exportador non contribúe a restaurar a demanda agregada.

10. KE escribe que o crecemento a longo prazo precisa "... dun sector público eficiente, dunha regulación sensíbel, e ocasionalmente, mesmo de políticas industriais como zonas de exportación. Precisa de coñecemento local e de políticas locais centradas no crecemento. Os fondos foráneos de investimento poden axudar, pero mentres Grecia ocupe o lugar 155 (sobre 183 países) no ranking de protección dos investidores, o posto 90 en punto a protección xurídica dos contratos e o último no índice xeral de negocios na OCDE, non teño a menor idea de como podería arraigar alí o crecemento a longo prazo só cos investimentos do BEI."

Non podería. Ate que, e a menos que, o Estado grego se reforme a si mesmo e os investidores que se atopen con regras simples, sensíbeis e que funcionan, o crecemento a longo lazo non levantará voo. Non obstante, permítaseme deixar unha cousa clara: a crenza -prevalente nalgúns círculos alemáns- de que máis austeridade "forzará" os gregos (e o seu Estado) a adoptar esas reformas é patentemente errónea. Así como Yeltsin deu mal nome á democracia a comezos dos 90 (permitindo a Putin logo pisar importantes dereitos democráticos á vista do escaso entusiasmo público rexistrado na defensa deses dereitos), a palabra "reforma" asóciase agora en Grecia a miseria, desesperanza, indignidade. Canto máis prosiga a depresión, canto máis se profunde, tanto menos reformábel será Grecia. España está a entrar pola mesma senda. E Italia.


Nenhum comentário: