24/04/2012

Europa na estrema: repetir 1930 ou 1848. Entrevista

Rafael Poch, amigo e colaborador de SinPermiso, é o correspondente en Berlín do diario barcelonés  La Vanguardia. Àngel Ferrero é membro do Comité de Redacción de SinPermiso. Tiramos a entrevista de SinPermiso (aquí) e a tradución é de noso. Àngel Ferrero, membro do Comité de Redacción de SinPermiso, entrevistou ao correspondente de La Vanguardia en Berlín, o noso amigo Rafael Poch, para o semanario catalán La Directa



Como ves Europa en comparación con China e América Latina (economía, dinámica social)?

Regresar a Europa tras máis de vinte anos fóra, foi atoparse cun bocexo. Os anos noventa e a primeira década do século foron socialmente somnolentos, de grande apatía social. No oitenta o continente estaba dividido en dúas amálgamas estrambóticas: capitalismo e democracia no Oeste e socialismo e ditadura no Leste. A tensión entre aquelas amálgamas moderaba algo o capitalismo no Oeste. Hoxe Europa unificouse co resultado de máis desigualdade e máis explotación, tanto no Leste como no Oeste. Porén ese cambio, que evidentemente non é igual en todos os países, non foi contestado. No Leste seguramente polo desprestixio que as ditaduras imprimiron ao social e o "sálvese quen poida" no que se converteu a mera sobrevivencia para moita xente en moitos países. No Oeste os motivos tamén varían dun país a outro. En España, por exemplo, produciuse o que eu denomino como o "asfaltado intelectual" da sociedade: certa americanización, certo espírito cutre de novo rico hipotecado... En calquera caso o resultado final foi parecido en todas partes: retroceso dos movementos sociais e da conciencia crítica. Mentres tanto, en China vivíase un extraordinario avance da economía e da contaminación, regado polo maior proceso de urbanización da historia. Un dinamismo extraordinario. Un cambio social vertixinoso difícil de caracterizar cunha soa pincelada. De América Latina só podo falar de ouvidas, mais é evidente que houbo un espertar social que tivo consecuencias políticas en media ducia de países co resultado dunha inusitada capacidade de autonomía con respecto ao grande veciño do Norte, Estados Unidos, e toda unha serie de iniciativas coordinadas no Sur, algo novo e esperanzador. Volvendo a Europa, parece que agora nos atopamos nunha especie de divisoria, pois vemos indicios de cambio de signo contraditorio. Algo se vai a mover.

Nun artigo cita unha frase de Merkel "Nada debería dar por suposto outro medio século de paz e prosperidade en Europa". Pódea comentar?

Contén unha grande verdade, aínda que seguramente a frase foi introducida no discurso como mero adorno retórico por algún asesor da chanceler. O feito é que a estabilidade en que viviron os europeos nas últimas dúas ou tres xeracións sostense sobre unhas bases moi fráxiles que agora a crise pon en cuestión.  Porén en Occidente non hai conciencia da posibilidade dun afundimento -o que pasou na URSS no noventa, en Arxentina co corralito, ou a normalidade de calquera nepalí medio é un afundimento. Os europeos occidentais e os seus dirixentes non teñen experiencia diso. Iso fai que se continúe bailando sobre a cuberta do Titanic ou que se crea que por ter un camarote de primeira están a salvo do naufraxio. En Alemaña é significativo que a xeración que coñeceu o desastre de 1945, os vellos, sexan os únicos que din cousas sensatas sobre Europa e o euro crise. Porén cando falo de crise refírome a un asunto de tres niveles. Un é o financeiro, o desmoronamento do piramidal castelo de naipes especulativo/ladrón. O segundo é a consecuencia que ese desmoronamento ten na "economía real", con empresas que fechan, sectores inflados que se desinflan, xente que perde o seu traballo e unha xeración de mozas sen futuro. O terceiro nivel é o principal: trátase da crise asociada ao "cambio global antropoxénico" do que o quecemento global é o escenario máis coñecido e popular. Este terceiro nivel é superior, porque contén os demais niveis e moito máis. Ao seu lado a crise do ultraliberalismo é algo anecdótico, case unha nota ao pé de páxina, poderiamos dicir...

  O reto da "crise ultraliberal", cando apareceu en 2008, era aproveitala para atallar toda a crise no seu conxunto, cunha transición enerxética, un cambio de modelo, de contabilidade, de racionalidade económica, de relación co medio e, naturalmente, de valores. Avanzar nesa dirección. O que se denominou "New Green Deal". De momento nin sequera se recoñeceu a crise do ultraliberalismo e a crise financeira afróntase con receitas ultraliberais e lendas nacionais que nos levan de regreso ao século XIX. Respecto da grande crise, a cimeira da ONU sobre cambio climático de Durban deixou ben claro o desfasamento entre a urxencia do cambio que se precisa e a cegueira da resposta. Todo sumado, resulta difícil imaxinar unha situación máis necia e miserábel.

 Cando as institucións internacionais como a ONU, xa levan anos dedicando grandes eventos, esforzos e acordos ao quecemento global, as políticas económicas nacionais deberían pór o cambio de modelo no centro da súa estratexia a medio e longo prazo. Nin sequera en Alemaña, un dos países pioneiros do movemento "verde", se fala diso nas institucións como se debería. E non é casualidade. Por unha banda, as institucións das nosas democracias non están deseñadas para o longo prazo, senón para un "usar e tirar" de catro ou cinco anos. A transición enerxética esixe estratexias a quince, vinte, trinta anos vista, mais a mirada dos nosos gobernantes non alcanza moito máis alá das próximas eleccións. Doutra banda, a estrutura económica-empresarial rexida polo beneficio determina moito calquera proxecto de cambio enerxético: os mesmos monopolios e intereses que alimentan o quecemento son os novos líderes eólicos e solares. As novas enerxías en mans das vellas estruturas sen dúbida non son o mesmo, mais tampouco son a solución. Non se sairá desta crise sen profundas reformas estruturais e institucionais. Tales reformas precisan dun forte movemento social internacional.

A Alemaña favoreceulle a burbulla inmobiliaria española. Que hai detrás da propaganda contra os "vagos do sur"?

  Ante todo a va esperanza de que o país pode saír ileso da crise. Alemaña fora un país de relativa nivelación social, como Xapón, cun estado social xeneroso e unhas relacións laborais moito máis decentes que a media europea. En 1990, a anexión da RDA, que custou un billón de euros, acabou co espantallo comunista, que era o principal incentivo para o "modelo social alemán". A maior competitividade dos produtos alemáns, en Europa e no mundo, logrouse, en gran parte, conxelando salarios e xeneralizando a precariedade laboral en Alemaña. Ese desmonte social-laboral contribuíu afirmar a potencia exportadora alemá nunha época na que aparecían novos desafíos competidores en Asia, mais desequilibrou aínda máis internamente a zona euro.

Desde a introdución do euro Alemaña xerou un superávit comercial de 800.000 millóns de euros dentro do euro zona, o que creou un buraco equivalente nos países menos competitivos do grupo. Esta é a "unión de transferencias" da que non se fala en Alemaña, onde baixo ese concepto só se entende os subsidios e fondos de compensación ao sur de Europa que Alemaña e outros países ricos desembolsaron. En calquera caso, as empresas alemás (non "os alemáns") gañaron moito diñeiro e investiron grande parte dos seus beneficios no exterior, capitalizando a estafa inmobiliaria de Estados Unidos, a destrución do litoral español e boa parte das fantasías irlandesas ou gregas, etc. Desentenderse diso e facer ver que a situación é resultado do maniqueísmo entre países virtuosos e esbanxadores, denota unha grande falta de vergoña na cara, porque o problema non é nacional. A crise foi desencadeada polo sector privado, especialmente polos bancos que financiaron a pirámide inmobiliaria que se desmoronou. Para atallala, os países europeos deron aos bancos 4,6 billóns de euros desde 2008 -esa é a cifra facilitada polo presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso. Ademais, houbo outro enorme desembolso de diñeiro público nos programas de estímulo keynesianos do 2008. Todo iso incrementou, evidentemente, a actual débeda pública.

Que hoxe o debate estea centrado na crise da débeda pública, e non sobre o casino que a ocasionou, débese, fundamentalmente, a que o poder financeiro controla gobernos e medios de comunicación e impón a lenda que máis lle convén. O goberno alemán foi particularmente activo nesa fronte. O seu nacional-populismo acerca de que o problema son uns países do sur gastadores que non "fixeron os seus deberes" e nos que a xente común viviu "por encima das súas posibilidades", permítelle canalizar o descontento dos contribuíntes alemáns polos centenares de millóns transferidos aos bancos como consecuencia da irresponsabilidade destes investindo no casino global. Recoñecer a realidade significaría revisar o últimos vinte anos de política económica e social alemá que se venderon como exitosos e modélicos para o resto de Europa.

Pero non o foron?

  Só foron exitosos para os empresarios e para os máis ricos. Desde a anexión da RDA a economía alemá  creceu por volta de 30%, mais o resultado non foi unha prosperidade xeral, senón un enorme incremento da desigualdade. Desde 1990 os impostos aos máis ricos baixaron un 10% e a imposición fiscal á clase media subiu un 13%, os salarios reais reducíronse un 0,9% e os ingresos por beneficio e patrimonio aumentaron un 36%. Desde o punto de vista da (des)nivelación social, Alemaña é hoxe un país europeo normal: o 1% máis rico da súa poboación concentra o 23% da riqueza (unha relación similar á existente en Estados Unidos en 2007) e o 10% máis favorecido o 60% dela, mentres a metade da poboación só dispón do 2%.

Por que seguen rexeitando os eurobonos?

En parte porque o goberno alemán é refén da súa propia lenda populista. A lenda afirma que Alemaña é o grande pagador de Europa, a grande vítima. A súa contribución aos rescates europeos é, efectivamente, a maior en termos absolutos, mais só porque a súa economía e a súa poboación son as maiores. A contribución alemá per cápita é a sexta entre 17 países, e segundo a parte do PNB dedicada é a décima, mais iso non se di, como tampouco se di que foron os maiores beneficiarios da existencia dunha moeda única. Entón, se a música coa que se almorzan diariamente os alemáns dilles que eles son os que máis pagan e que eles o fixeron todo "ben", acceder aos eurobonos significa socializar o barullo de quen o fixeron "mal". Saír deste enredo significaría recoñecer a interrelación do euro crise e corrixir a lenda, o que resulta moi complicado para o conxunto do establishment alemán porque supón cuestionar a política do últimos vinte anos. Non é un problema de goberno, senón tamén da actual oposición: lembremos que foi un goberno de socialdemócratas e verdes quen realizou a última grande ofensiva ultraliberal no país, coa chamada "Axenda 2010" de Schröder e abrindo as portas aos "hedge funds"... Ademais disto, tamén hai un punto de dogmatismo ideolóxico ultraliberal.

  Porén sería inxusto non engadir algo: se a actitude alemá é obtusa, como cualificar o disciplinado seguidismo masoquista dos gobernos de Francia, España e os demais, que nin sequera defenden os vans intereses nacionais dunha estratexia exportadora e consenten unha política que incrementa a súa crise? En España nin sequera houbo un "mea culpa" polo ladrillo. Ningún aeroporto inútil ou destrución do litoral levou a ninguén ao cárcere. Ao revés, o discurso político do PP reivindica aquela "etapa de crecemento". É unha casa de tolos... Porémonos de acordo nunha cousa: na Europa de hoxe a estupidez é internacional. Fronte á división dunha Europa en países virtuosos e esbanxadores, que pretende disolver problemas sociais en cuestións nacionais, o internacionalismo cidadán debe constatar a absoluta unidade da parvicie europea como primeiro paso.

Que queda do proxecto europeo, agora que xa se fala de dúas zonas euro, mais ademais cunha clara división os europeos bos e os malos?

 Ese discurso introduce unha tendencia desintegradora e disolvente na Unión Europea. Con el, Alemaña abriu unha caixa de Pandora moi perigosa. É un discurso que divide Europa e que ofenda aos seus pobos. Vímolo en Grecia onde se demoniza a Alemaña, e empézase a ver en España. Cando cheguei a Berlín en 2008, Merkel era considerada en España como a paradigma do boa gobernante. Desde o ano pasado o seu prestixio e o de Alemaña caeron polo chan. Todo isto é disolvente para a cohesión europea, pois abre unha espiral desintegradora. Os alemáns, aos que sempre lles custou moito porse no lugar dos outros, non son conscientes do que están a sementar. Cando o ano pasado pregunteille ao ministro de Exteriores alemán, Guido Westerwelle, sobre o resentimento que sementaba en Europa o discurso aleccionador dunha Alemaña virtuosa, miroume coma se se lle falase en chinés... Todo isto é moi malo, pois a Unión Europea, vista con perspectiva histórica, é unha boa solución ao que había antes: nacións que guerreaban constantemente entre si. Por iso hai que conservala, reformándoa. Para iso hai que pór os intereses xerais da cidadanía por diante do negocio, o político por diante do económico, e non dar murro en punta de faca, non pretender facer un superestado europeo a partir da idealización do continente como suxire Jürgen Habermas no seu Zur Verfassung Europas. Na proxección exterior da Unión Europea, hai que conformarse cunha ambigua e paquidérmica estrutura común que non lle complique a vida ao resto do mundo. Lograr que esa estrutura non sexa imperialista, xa sería un enorme avance histórico.

E sobre o perigo dos populismos, que no económico veñen con propostas que deberían chegar desde a esquerda? Estamos ante unha repetición dos 30?

  Antes mencionei que Europa está nunha estrema, que algo se vai a mover, porque se creou un buraco e hai unha demanda de resposta á nova situación. A dirección que van tomar as cousas é opinábel. Temos tanto indicios de 1930 -o aumento do desprezo ao débil, o darwinismo social, o racismo e o auxe do discurso e a práctica da extrema dereita, con situacións que nalgúns casos parecen calcar o mapa da Europa dos anos trinta e corenta- como indicios de 1848, dunha "primavera dos pobos" internacionalista, cidadá e social. Porén, non nos enganemos, este segundo escenario positivo precisa traballo, compromiso e organización. O espontaneísmo festivo-narcisista e o happening "en liña" non son suficientes. Os exemplos que mencionas advirten que o populismo de extrema dereita pode encher o buraco e gañar a rúa.

Mirando a toma de decisións en España ou Italia, en relación aos recortes, cara a onde imos? Modificouse a Constitución sen referendo, xa non se consulta aos cidadáns sobre os novos recortes...

Certa austeridade popular a cambio dun desmonte do casino podería ser aceptábel, polo menos nos países máis ricos de Europa, mais a tentativa de facer regresar a Europa ao século XIX no social e laboral, sen tocar o casino e por decreto, evidentemente, non é democrático. Rompe o que quedaba do contrato social europeo de posguerra, alí onde o houbo. A imposición das políticas de axuste rebentou a soberanía nacional, que por outra banda nunca gobernou nin decidiu as cuestións económicas principais. Aínda que non todas as democracias son iguais (en Noruega hai moita máis democracia que en España, en España máis que en Rusia e en Rusia máis que en Haití), a democracia realmente existente ten moi pouco que ver co seu sentido xenuíno de "poder popular". A tendencia que hoxe goberna Europa disolve mesmo esa caricatura de democracia. Como o social e o político van unidos á degradación do primeiro correspóndelle a degradación do segundo. Que quere dicir, por exemplo, "reformar o dereito de folga", como se di agora en España, no actual contexto? Evidentemente trátase de restrinxir. Como se le que homes de Goldman Sachs estean á fronte do goberno grego, en Italia, ou no Banco Central Europeo, ou rodeando e asesorando a Merkel en Berlín e a Obama en Washington? Todo iso lanza un desafío directo aos pobos de Europa que esperamos dirímase nunha primavera rebelde á 1848 e non nun auxe da extrema dereita o militarismo e da irracionalidade. En España o regreso dos posfranquistas ao goberno é un incentivo para os movementos sociais porque crea condicións máis confortábeis para unha contestación cidadá sen complexos de "facer o xogo á dereita".

Poden cambiar as cousas en Alemaña nas eleccións de setembro de 2013?

En Alemaña hai unha clara maioría para desprazar aos conservadores do goberno en 2013. Esa maioría lógrase mediante a suma dos socialdemócratas (SPD), os verdes, e os socialdemócratas de esquerda de Die Linke. O problema é que a obvia viabilidade deste tripartito é tabú en Alemaña. Die Linke é o único partido oposto á orde ultraliberal e sen responsabilidades nos recortes sociais do últimos dez anos. Iso explica que sexa tratado como unha especie de "partido demente", do que se di que é "incapaz para gobernar", cando a realidade é que é, fundamentalmente, unha forza socialdemócrata que leva moito tempo gobernando en coalición en diversas rexións do país. Die Linke oponse, ademais, á participación alemá en guerras imperiais. Esas dúas virtudes, coas que socioloxicamente están de acordo o 60% ou o 70% dos alemáns, marcan unha divisoria de respetabilidade institucional: pertencer ou non ao establishment. SPD e verdes prefiren perder as eleccións e que gobernen os conservadores antes que aliarse con Die Linke, entre outras cousas porque tal alianza significaría autocriticarse polos anos de goberno nos que iniciaron o grande recorte social e meteron, por primeira vez desde Hitler, ao país en guerras. Tal autocrítica implicaría non só un cambio de programa senón de dirixentes, pois os líderes de ambos os partidos foron os que gobernaron e adoptaron aquelas decisións. Así pois, descartado ese tripartito, ao día de hoxe a suma de verdes e SPD non alcanza para gobernar. Iso quere dicir que Merkel pode volver gañar (a menos que a incerta estabilidade exportadora se afunda, o que é moi posíbel), ou que volva gobernar en coalición co SPD, ou cos verdes. En ambos os casos un cambio de goberno non alteraría nada fundamental. Para convencerse diso basta mirar cara atrás: non só en Alemaña, tamén en España, en Francia e no Reino Unido, o ultraliberalismo introduciuse, ou foi potenciado, da man dos socialdemócratas. E en ningún deses países hai indicios de corrección neses partidos. En ausencia de tal corrección, quen queira un cambio razoábel, pode seguir apostando por eles? Dito isto, unha caída de Sarkozy a próxima primavera en Francia podería complicarlle as cousas a Merkel. O decisivo, con todo, debe vir de abaixo. É sorprendente que, ante unha situación que é claramente supranacional, aínda non se fale de coordinar as xornadas de folga xeral entre varios países europeos. A falta de solidariedade e empatía até agora demostrada cara á canallada que están a facer coa poboación de Grecia, é unha proba á dignidade dos outros países da UE. Polo momento triunfa o reflexo covarde e mezquino do "nós non somos como Grecia". Ademais de mesquiño é suicida, porque os recortes que se van a aplicar en España introducirán escenarios gregos. De momento, co billón de euros de diñeiro público prestado a baixo interese á banca privada desde decembro polo Banco Central Europeo, parece que conseguiron comprar certo tempo de tranquilidade bolsista... Esa parece ser a alternativa da dereita aos eurobonos.

Como xestionou China a crise?

China foi o único país que era consciente da súa crítica posición na globalización antes da aparición da crise. En 2002, cando cheguei a Pequín, os seus dirixentes xa pensaban en cambiar o modelo: en pasar dun modelo puramente exportador, moi dependente do mercado global e exposto aos seus vaivéns, a un tipo de desenvolvemento máis endóxeno e baseado no consumo interno. Para iso era necesario investir máis na poboación pobre, para que esta puidese consumir e alimentar o novo esquema co seu consumo. De aí naceu a recuperación do concepto confucioniano de "pequeno benestar" (Xiakoang) e a retórica da "sociedade harmoniosa". China proponse agora crear un sistema de seguridade social para a súa enorme poboación. Se no noventa realizaba experimentos capitalistas en certas rexións, agora hai experimentos "sociais" como o de Chongqing, que recuperan certo discurso maoísta nivelador. Todo iso, unido á supremacía do político, ao control que o partido ten das finanzas (o xefe do Banco central é nomeado polo partido e os xefes dos principais bancos son membros do comité central), permítelle un control da situación e unha capacidade de xogo maior que a que existe en Occidente. China é un país que protagonizou enormes cambios de liña na súa historia recente. Se fose necesario, creo que podería volverse a pór o uniforme maoísta, non para facer a política dos anos sesenta, mais si para cambiar radicalmente de liña... Dito isto, hai que lembrar o máis importante: que o país presenta as contradicións planetarias na súa máxima concentración. Se o crecemento se deten, o país pode inaugurar un novo "gran desorde" (dá luan), un concepto chinés parecido ao ruso de "smuta" que describe as etapas de caos que balizan a súa historia. Que os seus dirixentes sexan conscientes da fraxilidade que gobernan, non significa que vaian ter éxito.

No teu libro sobre China, afirmas "O noso porvir depende de China e todos os problemas da crise están nela".

O meu libro tenta presentar un país que é paradigma da crise mundial, algo que me parece máis realista e adecuado que recrearse nas lendas da "nova ameaza chinesa" e a "próxima superpotencia hexemónica", que nos vende o "mainstream" mediático. A expansión desenvolvista chinesa evidencia, en última instancia, a inviabilidade da economía mundial inventada por Occidente. Os éxitos chineses do últimos trinta anos realizáronse sobre modelos en crises, o que contén máis certezas que sospeitas de que hai moitos desastres incluídos neles. O que afirmo é que se os chineses logran saír da crise antropoxénica, da crise de civilización mundial, a pesar da súa manifesta desvantaxe en poboación, recursos etc., entón quere dicir que todos os demais podemos saír dela. Esa é a grande "Actualidade de China", que dá título ao meu libro.

Nenhum comentário: