19/03/2012

Por unha nova organización dos traballadores

Pablo González Casanova. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.  Pablo González Casanova é un veterano sociólogo mexicano. 

México é un país caracterizado por unha baixa taxa de sindicalización, mais sobre todo polo férreo control por un sindicalismo oficial, corporativo e corrupto dos traballadores dos sectores estratéxicos da economía e a política do país como petroleiros, ferroviarios, mineiros, o maxisterio e os empregados públicos. A dureza coa que se aplicaron nese país as políticas de contención e desvalorización salarial, así como a precarización do emprego e as condicións laborais só son explicábeis polo sometemento organizativo do movemento obreiro e as moi limitadas capacidades de acción autónoma do sindicalismo mexicano. No entanto, nos últimos anos destacan en México loitas exemplares como a levada a cabo en condicións excepcionalmente desfavorábeis polo Sindicato Mexicano de Electricistas (SME), fronte á ocupación policiaca da empresa e a desaparición da mesma deixando no desemprego a máis de 17 mil traballadores. Neste contexto sitúase o chamado á creación dunha nova central de traballadores resumida no discurso do ex-reitor da Universidade Nacional Autónoma de México, Pablo González Casanova, figura clave das ciencias sociais en México e unha referencia intelectual das loitas sociais e políticas alternativas pola democracia e o socialismo en México e América Latina. 


A situación do mundo e do país mostran claras tendencias a agravarse. Á crise financeira e económica que pesa sobre a inmensa maioría da humanidade, engádese a grave crise ecolóxica que ameaza a toda a humanidade. Trátase de algo máis que a crise do modelo neoliberal que o capitalismo corporativo impuxo tras o golpe de Pinochet en Chile e cos gobernos conservadores da Thatcher en Inglaterra e de Reagan en Estados Unidos.

En México a crise veuse preparando desde que as políticas monetaristas empezaron a aplicarse nos anos sesenta dando lugar ao movemento dos médicos, e ao dos estudantes e do pobo en 1968, así como á insurxencia obreira dos setentas e a numerosos intentos nacionais de resistencia aos procesos de restauración do capitalismo asociado e dependente.

A crise foise preparando con medidas cada vez máis contrarias ao interese nacional, aos traballadores, aos campesiños e os cidadáns. Desde os anos setenta até hoxe, o endebedamento externo creceu sen precedente. Nos anos oitenta volvéronse a privatizar os bancos que eran fonte de altas taxas de utilidades e de inmensos ingresos para a nación. Desde entón empezáronse a aplicar cada vez máis as medidas neoliberais e neoconservadoras que favorecen ao capital corporativo en detrimento da nación. En forma sucesiva reformouse a Constitución para acelerar o proceso de contra-rreforma agraria. Acentuouse o desmantelamento do Instituto Mexicano do Petróleo e, cada vez máis, o da industria petroleira e os seus derivados. Descoidouse e obstruíuse a construción das infraestruturas para o desenvolvemento agrícola e a soberanía alimentaria. Orientouse o uso dos préstamos estranxeiros á compra de alimentos refugallo e de armas e municións, resolvendo os problemas de sobreproducción dos prestamistas e estabelecendo con eles convenios en que quedaba ao seu arbitrio a fixación das taxas de interese. Esas medidas e numerosos tratados ou acordos como o ALCA, o Plan Mérida e os seus derivados constituíron á vez fortes sangrías para o pobo mexicano e os seus traballadores e deron pé a varios procesos simultáneos: a depauperación da inmensa maioría da poboación mexicana; a baixa de salarios directos e indirectos; o peso principal da carga fiscal na poboación de menores ingresos, a reorientación do orzamento de egresos en favor do capital corporativo e os seus asociados; a diminución e deterioración dos empregos e dos servizos médicos, educativos, de saúde pública, e de construción de vivendas.

A privatización crecente das actividades públicas (como o petróleo, a electricidade, e agora as prisións) e a súa metamorfose en actividades lucrativas combinouse co uso crecente da represión e a corrupción, e co control da poboación, dos traballadores, dos desempregados, dos mozos e os seus movementos legais e pacíficos con axentes abertos e encubertos, así como con militares aos que se empezou a adestrar para a loita contra os seus pobos e aos que se deron ordes de preparar a paramilitares, medidas ambas, como as anteriores, en aberta violación ao réxime legal e á Constitución da República.

No conxunto do país levou a cabo un desmantelamento sistemático dos dereitos constitucionais e das garantías individuais e sociais que o pobo mexicano había logrado nunha Revolución como a de l910-17 na que perderon a vida máis dun millón de habitantes.

Á depredación e empobrecimiento crecente do país en beneficio das corporacións e os seus asociados engadíronse crecentes ofensivas na orde política, cultural e educativo que acentuaron as diferenzas entre o país real e o país formal; que criminalizaron as críticas e oposicións dos de abaixo, que acentuaron a política de discriminación e depredación das comunidades indíxenas e non indíxenas de campesiños pobres; que asasinaron a miles de traballadores expulsados das súas terras e dos seus traballos, e que buscaban desde México, e desde os irmáns países de Centroamérica cruzar o inmenso muro que separa ás poboacións de México e Estados Unidos para ver se alá atopaban o traballo que nos seus países perderan coas súas terras e as súas casas.

A ofensiva tamén se deu contra os sindicatos industriais, agrícolas e de servizos, e afectou en especial á xente máis nova que non ten nin casa, nin emprego, nin universidade, nin escola, e cun múltiplo dano silencioso á poboación de anciáns que perderon os seus seguros de vida e aforros para o retiro, pois dos seus montos encargáronse as empresas financeiras especulativas. En canto á poboación de idade intermedia, á violación de facto dos seus dereitos laborais e sociais, engadiuse unha presión constante e crecente por acabar con eses dereitos tanto na Constitución da República como nas leis que derivan dela. Unha campaña realizada a través de todos os medios non só tendeu a culpabilizar dos danos ás vítimas -fosen obreiros, campesiños, indíxenas, mulleres, novas e vellos- senón que os someteu a imaxes televisivas e impresas que teñen como obxectivo o que perdan a autoestima, o que esquezan os feitos heroicos dos pobos orixinarios e dos movementos de Independencia, de Reforma e Revolución. Para iso non só se reformaron os libros de texto (borrando a nosa historia prehispánica e aos heroes do pobo) senón que se privilexiaron en diarios, semanarios, e programas de radio e televisión as festas, amabilidades, bondades e sorrisos dos mexicanos ben, mentres o pobo aparecía e desaparecía como un conxunto de débiles mentais e de pallasos, cuxas necedades e torpezas moven a risa e xustifican ante eles mesmos a súa lamentábel condición e fundada perda da autoestima.

A múltipla ofensiva enriqueceuse cunha guerra virtual contra o narcotráfico que xa cobrou máis de 50 mil vítimas, mentres seguen fluíndo os miles de millóns de dólares sen que se descubra aos seus beneficiarios. Entre os obxectivos da narcoguerra destaca a perda de sentido da loita e da vida entre numerosos mozos que son recrutados polas boas ou polas malas e que se embarcan en batallas por pequenos territorios que defenden ou fan seu, como nos videoxogos dos pitos e moitos máis en que se dan divertidas e crueis loitas por diminutos espazos, xogos que se combinan coa crecente intervención das axencias estadunidenses no auxilio ao goberno mexicano e nas funcións que este debería desempeñar, controlando o branqueo de diñeiro e o contrabando de armas, tarefas que sen dúbida lle sería máis fácil controlar se non entregase, cos servizos de intelixencia, os bancos e as aduanas.

Termino este reconto incompleto sinalando como se fomentou a ruptura dos lazos familiares e sociais, o individualismo na sociedade e o oportunismo na política, así como alentando o ideal neoconservador do fin das ideoloxías, que baleira de contido á democracia electoral e política dos seus obxectivos centrais de proposta e loita por políticas sociais e nacionais alternativas, reducíndoa a unha triste contenda entre os membros de cada partido por ser nomeados a postos de elección popular por partidos que obedecen á lóxica do menos malo en condicións cada vez peores para o pobo, os traballadores da nación. Todas estas circunstancias e outras máis lle expoñen aos traballadores, aos pobos e aos cidadáns de México e o mundo a necesidade de reformular as súas loitas e de restructurar as súas organizacións para fortalecer a súa capacidade defensiva e para aumentar a súa innegábel capacidade de construír outro mundo posíbel menos autodestructivo, menos opresivo e inxusto, tarefa para a que existen todas as posibilidades humanas e naturais de triunfar, e para a que a humanidade conta con todos os coñecementos, experiencias e técnicas que permiten lograr ese obxectivo.

Ao expor os camiños de solución, nas condicións que vivimos, necesitamos respectar aos integrantes da central no seu pleno dereito a participar ou non na política dos partidos como sindicatos ou como cidadáns. Ao mesmo tempo a central buscará como obxectivo a unidade dos traballadores, os pobos e os cidadáns con plena independencia dos partidos. A unidade na diversidade dos traballadores proporase impedir que as loitas de partidos ou as diferenzas relixiosas, culturais, rexionais ou raciais dividan aos traballadores da central e diminúan a súa capacidade de constituír un centro de organización da clase obreira unida cos movementos sociais en loita contra o capitalismo corporativo e contra o modelo neoliberal, e por unha civilización en que a barbarie do capitalismo sexa substituída por unha democracia de verdade na que pobos e traballadores, como comunidades e como cidadáns, participen na toma de decisións para a creación doutro mundo posíbel e necesario en que o vivir ben duns non dependa do vivir mal doutros e en que coa xustiza social alcáncese a liberdade.

Lograr eses obxectivos implica loitar por outros máis cuxa práctica é inminente e entre os que se atopan:
1. Rescatar as grandes loitas dos pobos e os traballadores mexicanos e en especial dos discriminados, excluídos e desregulados do noso país e do mundo,
2. Defender as garantías e dereitos constitucionais e tomar a Constitución de 1917 sen as reformas neoliberais como base para as novas loitas revolucionarias, como sempre ocorreu na historia de México.
3. Esixir e impor nas demandas inmediatas a aplicación da Lei Federal do Traballo e do contrato colectivo e outras normas máis que o actual goberno está sistematicamente violando ou pretende que desaparezan.
4. Loitar pola soberanía nacional e pola organización dos mexicanos para que exerzan o supremo dereito que reside neles, cada vez máis atacado polos entreguistas de vello e novo cuño
5. Loitar contra a criminalización dos movementos sociais. 
6. Loitar contra a cultura do individualismo e o oportunismo que se está fomentando por todos os medios e cos métodos de avaliación e exclusión que tenden a facer pensar á vítima que é a culpábel.
7. Loitar polos dereitos dos pobos indios e para que se cumpran os acordos de San Andrés.
8. Promover a organización e articulación dos traballadores industriais, agrícolas e de servizos.
9. Promover a unión dos traballadores organizados e non organizados, a unión dos traballadores manuais e intelectuais, a unión dos traballadores dos sectores medios e os excluídos, os desregulados ou os discriminados.
10. Promover con eles grupos e colectivos de ligazón que constrúan o tecido social das comunicacións, as informacións, os intercambios e as organizacións presenciais e a distancia,
11. Incrementar os xornais e publicacións non só impresos senón os que utilizan os medios electrónicos como medios de organización-información-acción, diálogo-debate-consenso-
12. Promover campañas de alfabetización política para a toma de decisións e para a práctica das técnicas de aprender a aprender e a ler, e cambiar non só os textos senón o mundo, e a construír e crear textos e mundos alternativos,
l3. Promover as universidades e escolas da Terra e nelas a cultura humanística, científica, artística, e o coñecemento dos oficios e profesións que necesitan os pobos e as zonas urbanas marxinadas de traballadores e proletarios, de desregulados e excluídos, de discriminados e desposuídos.
14. A este respecto, organizar os sistemas de defensa dos traballadores, os pobos e os cidadáns fronte aos depredadores e as mafias que están empeñados en sometelos, corrompelos, enviciarlos, esclavizarlos e en acabar co sindicalismo democrático, coas unións dos campesiños, cos seus medios e fontes de traballo e de vida.
15. Promover a articulación dos traballadores cos estudantes e os mozos en accións conxuntas que incrementen a cultura solidaria e cooperativa e a capacidade de comunicación e acción.
16. Buscar nos programas dos sindicatos e movementos máis avanzados de México, América Latina e o mundo os puntos de coincidencia para expor a loita e a articulación dos colectivos desde o local até o mundial, a propósito de que a mesma loita, entre simpatías e diferenzas de rexións e sectores é e será unha loita mundial.
17. Reformular a loita ideolóxica con base nun crecente dominio do pensamento crítico e alternativo e da cultura do diálogo e o debate que nos nosos pobos alcanza niveis cada vez máis altos de comprensión e acción.
18. Fortalecer e facer efectiva a loita pola moral e a firmeza como verdadeiras armas, para o triunfo fronte a unha política que desde Teodoro Roosevelt proponse dominar ao mundo coa cenoura e o garrote, coa corrupción e coa represión. Falar de moral e de firmeza, de dignidade e de enteireza como armas contra a corrupción que tantas vítimas e estragos fai, e que está asociada á cultura da represión e o terror, da cosificación e deshumanización dos pobres da terra e quen botan a súa sorte con eles.

Se o capital corporativo colocou a perda dos dereitos sociais, nacionais, laborais e humanos no campo do non negociábel, a fronte do pobo que se organice ao redor da central de traballadores, que hoxe promoven sindicatos que nin se renden nin se venden, como o heroico Sindicato Mexicano de Electricistas e moitos máis, esa fronte en xestación alcanzará, cos traballadores manuais e intelectuais do campo e a cidade, da educación, da saúde, da construción e os servizos, así como coas comunidades dos pobos indios e non indios, coa mocidade e cos estudantes, cos xornalistas, locutores, actores, escritores, realizadores que loitan nos espazos tradicionais e cibernéticos, esa grande fronte de todos e con todos alcanzará a vitoria dun socialismo con democracia, e dunha democracia con socialismo, con xustiza e con liberdade.


Nenhum comentário: