20/02/2012

Que pasou cos heroes de Fukushima?

Georg Blume. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.

Até hai pouco os "samaritanos atómicos" de Fukushima estaban na fala da xente. Quen se acorda hoxe deles?


Fíxose tarde neste karaoke de Fukushima. Ihsaka dorme. Bebeu moito: primeiro cervexa, daquela sake. Agora dorme enroscado encima dun sofá de felpa azul. Os cabelos, longos, grises, caen sobre a súa cara demacrada, cubríndoa. Viches un hanten, unha chaqueta tradicional xaponesa para o inverno, e calza zori, as típicas sandalias de madeira. Ante el varios vasos, unha botella para o sake e un bol con patacas fritas practicamente intacto. O televisor está conectado, sen son.

Cando se inseren os códigos para as cancións, volven soar as vellas cancións do cincuenta e sesenta que tanto gustan a Ihsaka. Sábellas de memoria. Tratan sobre o amor fraternal e a xustiza, dos anhelos da mafia xaponesa. Ihsaka estivo cantando toda a tarde, logo sucumbiu ao cansazo e o alcol.

"Son un yakuza", díxome Ihsaka no transcurso da tarde. Yakuza. Mafiosos, xente que pertence a un medio en parte criminal e en parte socialmente integrado. Normalmente os yakuza non falan das súas orixes, pero Ihsaka só oculta o seu nome.

É un caso especial, porque se atopa nunha misión. "O que eu fago, é unha pequena contribución", di despois de varios vasos de sake. "Se non fixese o meu traballo, os nenos nunca poderían volver xogar en Fukushima". A diferenza doutros, el veu como voluntario a Fukushima. Ihsaka é unha especie de "samaritano atómico".

Aldea-J

Desde o verán pasado Ihsaka traballa catro días á semana na zona contaminada da central nuclear de Fukushima. Vive nun hostal para turistas a unha hora de distancia ao sur da cidade. De feito trátase dun barrio de luxo, pero debe compartir a habitación con tres colegas. Ihsaka sente incómodo nestas estreitezas. Por iso é feliz cando pode pasar unha tarde no karaoke.

No lugar de vacacións Yuzawa-onsen, na preferectura de Fukushima, os traballadores da central nuclear  substituíron os turistas, que deixaron de vir. Nos días de traballo Ihsaka levántase ao cinco da mañá. Un minibus dos yakuza transpórtao xunto aos seus colegas até a Aldea-J. A Aldea-J foi o campo de adestramento da selección feminina de fútbol xaponesa, que gañou o campionato mundial en Alemaña. Hoxe é o centro de mando para os traballos de limpeza e reparación nos reactores danados. 5.000 persoas traballan na Aldea-J a tan só 20 quilómetros dos reactores nucleares.

O minibus de Ihsaka detense nun enorme aparcadoiro xunto a centos de autobuses, en cuxos parabrisas traseiros aparecen as marcas das grandes firmas: Mitsubishi, Toshiba, Hitachi. Todo o empresariado xaponés colabora e os autobuses traen aos seus traballadores ao lugar. Pero tamén os yakuza pertencen ao tecido empresarial xaponés. Ningunha das 50 centrais nucleares se construíu sen eles. As bandas mafiosas monopolizan desde hai décadas o mercado laboral como mediadores entre os peóns e as grandes construcións. Os traballadores empregados pola mafia desempeñan os traballos peor pagos, que en ocasións tamén son os máis perigosos. Se ocorre un accidente, a rede mafiosa oculta as consecuencias. Por esa razón os yakuza son tan necesarios en Fukushima agora. Se un dos seus traballadores morre máis tarde por culpa dun cancro causado pola radiación radioactiva, as investigacións nunca chegarán a bo porto. Con todo, hai contratos de traballo polo medio. En principio todo é legal.

Ihsaka pertence a unha cuadrilla de oito homes. O seu xornal é uns 150 euros máis alto que o dun obreiro normal. Reúnense no aparcadoiro, entran na zona de exclusión máis aló da Aldea-J e desde alí son conducidos aos reactores. A súa tarefa consiste en limpar os edificios, condutos e ruínas: todo o que queda dos reactores destruídos. Os colegas de Ihsaka son calquera cousa menos voluntarios: a maioría deles contraeron débedas coas quenllas crediticias da mafia e por iso deben aceptar calquera traballo que lles proporcionen os yakuza.
Sen traxe protector

Ninguén alleo aos labores de limpeza pode acompañar aos traballadores á zona dos reactores. Até a data os xornalistas só puideron visitar o lugar da catástrofe en grupo e baixo a estrita observación de Tepco, a compañía operadora das centrais nucleares. Ihsaka está catro veces á semana no lugar e pode falar diso.

Normalmente el e os seus colegas visten uns pesados traxes protectores e levan consigo un dosímetro ao traballo. "Temos que levar traxe e máscara, mais non sempre o facemos", di Ihsaka. Agora no inverno o traxe non molesta. Pero hai uns meses, a finais de verán, cando o grupo de Ihsaka levaba os cascallos dos reactores dun sitio a outro, o traxe dificultáballes transportar os obxectos máis pesados. Ademais, os traballadores suaban con eles. "Entón vin a miúdo as tatuaxes dos meus colegas", di Ihsaka. O que quere dicir que traballaron sen a parte superior do traxe protector xunto aos reactores contaminados. Ihsaka lembra que ninguén lle instruíu sobre cal é a mellor maneira de moverse levando un traxe protector.

Até hoxe o oito home do grupo de Ihsaka vixían que cada un deles teña ao final do día a mesma dose de radiación no dosímetro. "Cando recibín 1'1 milisievert e os meus colegas só 0'9, entón cambiamos durante un intre os nosos lugares de traballo", di Ihsaka. O que preocupa a estes homes non é tanto as elevadas doses de radiación coma se terán traballo ao día seguinte. Quen recibe demasiada radiación, ao día seguinte é apartado do traballo e non recibe ningún salario.

A dose máxima de radiación á que un traballador dunha central nuclear en Xapón pode exporse atópase nos 100 milisievert anuais. Desde xullo, Ihsaka acumulou segundo os seus documentos de traballo 70 milisievert. Así que aínda pode seguir traballando. Cuán grande é o perigo para el, non quere sabelo. "Obviamente, son un coello de indias para eles", di. Porén iso non parece molestarlle.

Ihsaka ten un motivo para aceptar os riscos da radiación nuclear. Até o verán pasado, traballou durante 29 anos como cociñeiro en Tokio. Non era ningún yakuza activo, pero pertencía ao medio. A súa muller abandonouno. Só a súa filla maior seguiu ao seu lado para ocuparse del, despois de que hai un ano contraese unha grave pulmonía. Permaneceu inconsciente durante días, pero a súa filla estaba xunto a el á beira da cama. "Fun salvado e agora estou aquí para salvar a vida dos nenos de Fukushima. Quero que así quede o recordo da miña filla", di Ihsaka quen, de feito, quixo traballar como cociñeiro para os evacuados de Fukushima. Pero entón atopou a través dos seus contactos o traballo na zona do reactor.

Segredo

Nin estudou nin recibiu formación algunha. O de cociñeiro aprendeuno en por si. Pero Ihsaka é un home meditabundo. Espontaneamente, fala toda a tarde no karaoke sobre Hiroshima e Nagasaki. Moi poucos xaponeses fano con relación a Fukushima. Ihsaka pensa que os americanos levaron a cabo todo o posíbel tras o lanzamento das bombas atómicas para manter en segredo as consecuencias da radiación atómica.

De feito, todas as investigacións do coñecido hospital para a radiación americano en Hiroshima estiveron clasificadas durante décadas. "E co mesmo segredo actuamos nós os xaponeses hoxe tras Fukushima", afirma.

Por iso fala tanto esta tarde. Non quere máis secretos. Aínda que debese asinar antes de aceptar o traballo unha cláusula pola que promete non informar os medios de comunicación da súa actividade, agora rompe conscientemente esa norma. "Contaríallo con gusto a todo o mundo", afirma.

Tras a catástrofe nuclear os traballadores da central foron tidos por algún tempo na opinión pública como heroes. Mais non obtiveron nin de lonxe a fama de, poñamos por caso, os bombeiros neoiorquinos tras o atentado ás Torres xemelgas. Por iso mesmo Ihsaka é a un mesmo tempo un criminal político e un entrevistado agradecido. Con todo, se non temos en conta un par de noticias moi xerais do New York Times sobre as condicións de traballo dos traballadores da central nuclear, apenas hai historias sobre os heroes de Fukushima. Seica as súas historias non merecen a pena ser tidas en conta?

Canto máis fala Ihsaka no karaoke, máis se dá conta de como de impresionante é a súa propia historia. As preguntas dos xornalistas déixanlle perplexo. Por que lle preguntan polas cores e os motivos das tatuaxes dos seus colegas? Ihsaka chega unha e outra vez ao momento no que non quere responder máis preguntas. Descúlpase dicindo que lle gustaría explicar máis, pero ten que pensar no seu contrato para a compañía Tepco. Non quere que lle fotografen. Pero ao día seguinte despídese unha vez máis do reporteiro nun modesto establecemento de fideos. "Estou só", recoñece. "Boto en falta falar con alguén."

Nenhum comentário: