14/02/2012

O custe das bolsas

Tirado de El País (aquí). O autor do texto prefere manter o seu anonimato.



Estudei toda a miña vida con bolsas. Iso, dito así, parece unha frase feita, mais non. Estudei toda a miña vida con bolsas, que significan -entre outras cosas- diñeiro de todos os contribuíntes. Con 14 anos, o estado empezou a pagarme 14.000 pesetas anuais a modo de bolsa para materiais. Teño 31 anos, así que falamos de 14.000 pesetas do ano 1993. Desde os 17 becáronme con 32.000, co cal para cando acabei o instituto o Estado ingresara na miña conta 92.000 pesetas contantes e sonantes.

Entrei na Universidade e tamén tiven bolsas, nunca tiven que pagar nin unha soa matrícula. A unha media de, poñamos, 75.000 pesetas por curso, iso fan 375.000. Ademais, recibín unha bolsa escolar que, de media, eran unhas 150.000 pesetas anuais: 750.000 no cinco anos. En quinto de carreira tiven, ademais, unha bolsa de colaboración do meu Departamento. Supúñase que era para aprender investigar, mais o único que me ensinaron foi a cargar carretillas de papel para a fotocopiadora, facer funcionar a fotocopiadora e cambiar o tóner da fotocopiadora. Pagáronme 23.000 pesetas ao mes, dez meses. Total até aquí 1.447.000 pesetas. Uns 8700 euros.

Recibín catro bolsas diferentes para facer o doutoramento. A primeira que aceptei era dunha fundación que me pagaba cando lle parecía oportuno, non me daba recibos do pago e, ademais, meteume en leas con Facenda. En calquera caso, seis meses a 600 euros, 3600 euros. Pouco tempo despois recibín outra con patróns que me estafaron en menos aspectos. Non me contrataron, mais fixéronme asinar dedicación completa. Traballei para eles baixo a miserábel forma dunha bolsa: dei clases, publiquei en revistas, fixen estancias de investigación... mais días cotizados, cero. 800 euros ao mes, 36 meses, 28.800 euros en total. A iso hai que sumar tres estancias de investigación en prestixiosos centros do estranxeiro, a digamos 1200 euros de subvención cada unha. Isto xa parece o 1, 2, 3... 41.100 euros de todos os españois. O último ano, por fin, os bolseiros de investigación conseguimos que se nos fixese un contrato. Á hora de asinalo, dábanche un papelito onde tiñas que asinar que renunciabas á túa baixa maternal, en caso de quedarte embarazada. Iso si que son políticas de conciliación e o demais contos. Dábannos, por primeira vez, paga extra. Levoulla Facenda, mais súmoa igual. Doce meses, catorce pagas, a 1100 euros, 15400 euros, 56.500 en total.

Agora vén o pinchacarneiro. Despois de seis anos traballando para a Universidade, cotizara un ano. Cobrei o paro e enviei currículos. 630, a miña nai lémbrao ben. Durante o meu dezaseis anos no mercado laboral español tiven os empregos máis diversos ademais da Universidade: guía turística para a terceira idade, tradutora de manuais deportivos, profe particular, manufactureira -que non deseñadora- de bolsos e abelorios, dobradora de anuncios de radio... Que non se diga que non o tentei en varios campos.

Tenteino con todas as miñas forzas. Agarreime á terra de Asturias con pés e mans. Estiven un ano no paro, cunha carreira, un máster, un doutoramento, catro idiomas e disposta a traballar do que saíse... mais non saíu nada. Nuns estaba demasiado formada, noutros non daba, literalmente, a talla -até para dependenta de tenda de roupa de adolescentes presenteime-, así que decidín emigrar. O camiño fóra de Europa non é sinxelo: vexo aos meus pais por Skype, a miña presenza empeza a borrarse dos recordos das miñas amigas -"aínda vivías aquí cando pasou iso?"- e suplico ás alturas que o señor de inmigración non quede coa miña barra de turrón de Suchard e as miñas latas de bonito en aceite cando volvo, sempre antes de Reis, a incorporarme ás miñas clases nunha estupenda Universidade da soleadísima costa estadounidense do Pacífico. O máis triste é que son feliz aquí, a pesar de que vexo a tristeza inmensa nos ollos dos meus pais.

En resumo, España investiu en min, directamente, case dez millóns de pesetas, ademais da formación universitaria, e agora estao aproveitando outro país: un lugar onde sinto un membro útil e produtivo da sociedade. O problema máis grande é que o meu caso non é único. Do meu quince compañeiros do doutoramento, só dous están a traballar en España, en condicións lamentábeis, iso si, na Universidade. Só en nós, só no noso pequeno rinconciño da sala de bolseiros coas súas pombas aniñadas nunha xanela, o Estado español tirou ao lixo 130.000.000. Cento trinta millóns de pesetas que estabamos a desexar reverter á sociedade naquilo para o que nos formamos, mais non nos resulta posíbel. Traballamos un tempo de balde, moito tempo sen contrato, moitas máis horas que unha xornada estándar, sen sanidade, sen dereito a baixa maternal, sen dereito a paro e, sobre todo, sen dereito a queixarnos. Porque eramos uns privilexiados, a creme da creme da intelectualidade que ía levar a España a cotas nunca antes coñecidas. E iso último é o único certo. Somos a xeración que vai levar ao Reino de España a cotas nunca antes coñecidas de desesperación, de frustración, de angustia, de parturentas idosas, de avós que van ter que aprender chinés ou inglés para preguntarlle aos seus netos -por skype- de que cor é a bici que piden aos Reis Meigos en casa dos avoíños e que lles vai a chegar por correo.

Nenhum comentário: