23/02/2012

Manifesto en defensa dos medios públicos

Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí).



Exposición de motivos


Os medios audiovisuais públicos son un servizo esencial de interese xeral que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a diversidade cultural e lingüística, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social, a promoción dos dereitos cívicos e as liberdades públicas e a calidade da propia democracia.

Estes contidos non son simples mercadorías destinadas a consumidores, que poidan ficar a criterio da regulación do mercado e dos intereses privados, senón que son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e que, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de establecer criterios orientadores sobre eses contidos e á hora de vixiar o cumprimento de tales criterios; isto é: requiren da participación e do control social, que se aseguran mediante a axeitada prestación do servizo público de radiodifusión.

Porén, a radiotelevisión pública está sometida hoxe a unha estratexia xeneralizada de acoso e derribo. Estratexia que vai máis alá das tradicionais críticas de carácter ideolóxico, legal ou financeiro (gobernamentalización, déficit, competencia desleal, etc.), e que busca cuestionar a natureza mesma da súa existencia. O cambio derivado da converxencia tecnolóxica está sendo utilizado polos inimigos da radiotelevisión pública para debullar un escenario de opulencia comunicativa, de fragmentación das audiencias e de estratexias empresariais transversais que, na súa opinión, faría innecesario, insostíbel e mesmo indesexábel o mantemento da radiotelevisión pública.

Esta opinión vese reforzada coa coartada da crise económica e das receitas neoliberais de redución do gasto público que se impoñen para superala. Chégase mesmo a manifestar que as subvencións ás canles públicas resta recursos a servizos esenciais como a sanidade e a educación, sen reparar no importantísimo papel que os medios públicos poderían e deberían cumprir nos ámbitos educativo e sanitario se realmente estivesen ao servizo das necesidades do conxunto da sociedade.

Mais a apelación a estes argumentos encobre en realidade outro tipo de intereses políticos e empresariais destinados a favorecer as canles privadas e de pago, que buscan asegurarse o beneficio económico á conta da calidade do servizo público e das condicións do emprego.

Con estas razóns, máis ou menos declaradas, importantes sectores políticos e económicos préstanse ao desmantelamento da radiotelevisión publica, ben propoñendo a desaparición da oferta (eliminando canles), ben “externalizando” a súa actividade (baleirándoa de contido), ben desvirtuando conceptos lexitimadores do servizo público ou debilitando os seus recursos.

Nesta estratexia inscríbese a Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, recentemente aprobada polo Parlamento autonómico. Unha lei que non reforza os valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do pobo galego. Que non asegura a independencia do partido no goberno. Que posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego. Que non potencia a participación e o control social. Que dá entrada á participación do capital privado en actividades e funcións propias do servizo público de radiodifusión e facilita a externalización da produción, permitindo a xestión privada de boa parte da programación dos medios públicos. Que ameaza o emprego estábel e de calidade na CRTVG.

A Lei deriva ao mandato-marco a fixación dos obxectivos xerais de servizo público que debe cumprir a Corporación RTVG, para un período de nove anos. Este instrumento, esencial para a concreción do modelo de radiotelevisión pública, deberá ser aprobado polo Parlamento de Galiza no prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor da citada Lei.





Manifesto en defensa da CRTVG


Neste contexto, as/os abaixo asinantes, cidadáns e representantes de organizacións sociais, sindicais, políticas, profesionais e académicas, consideramos que a sociedade galega está ante un momento crucial para mellorar e afianzar o seu modelo de servizo público de comunicación, e expresamos a nosa vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:

1. Que defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua. O galego será a lingua vehicular de todas as emisións e contidos dos medios audiovisuais públicos, debéndose atender e coidar a calidade lingüística das mesmas.
2. Que informe con veracidade, imparcialidade e independencia, con respecto á pluralidade de fontes e actores, afastándose da banalización e o sensacionalismo e coa profundidade e contextualización necesarias para a cabal comprensión dos feitos que se informan.
3. Que estimule a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva e sistemática do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos significativos, segundo criterios obxectivos de representación ou implantación social, sen que poida excluírse a expresión dos grupos sociais que representan as minorías lexítimas da sociedade nin as formacións políticas sen representación parlamentar, en atención ao respecto ao pluralismo.
4. Que ofreza gratuitamente un conxunto de programacións e servizos audiovisuais variados, equilibrados e de calidade para todos os públicos e que asegure aqueles contidos destinados a satisfacer as necesidades e demandas das minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade, atendendo ás súas problemáticas específicas, a prol da integración e a cohesión social.
5. Que dedique especial atención, pola súa importancia futura para a sociedade, á infancia e á mocidade, reforzando a función educativa e socializadora dos medios audiovisuais na transmisión dos valores cívicos e democráticos.
6. Que promova a igualdade de xénero, incluíndo a igualdade de trato e de oportunidades, o fomento das accións positivas e o uso dunha linguaxe non sexista.
7. Que impulse o coñecemento e o respecto aos dereitos humanos, cívicos e políticos recoñecidos nos tratados e normas internacionais.
8. Que fomente o acceso universal aos servizos relacionados coa Sociedade da Información, participando no progreso tecnolóxico e na utilización das novas técnicas de produción e difusión de programas e servizos audiovisuais, incluídos os dixitais e en liña, susceptíbeis de enriquecer e completar a súa oferta de programación.
9. Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas, mantendo en todo caso o equilibrio entre a utilización efectiva e eficiente dos seus propios recursos e o obrigado cumprimento das cotas que, conforme á lexislación vixente, lle corresponde á industria audiovisual independente.
10. Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando as contratacións opacas e a concentración das compras nun número reducido de provedores.
Por último, instamos ao Parlamento de Galiza a regular por lei, á maior brevidade posíbel, a creación dunha autoridade audiovisual independente do goberno e dos operadores, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente das obrigas de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.

Nenhum comentário: