15/02/2012

Laura Ogando: "Non vou ser un problema"

Entrevista a Laura Ogando, concelleira en Bueu e integrante da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño.



Laura Ogando Muñiz é concelleira do BNG en Bueu dende o ano 2007, data dende que asumiu a concellería de Igualdade e Benestar Social. A edil buenense está ademais adscrita á corrente Encontro Irmandiño, que na súa asamblea do domingo decidiu separarse do BNG e comezar a súa andaina en solitario. A incógnita está en saber agora como vai afectar esa situación aos gobernos locais de corte nacionalista formados tras as eleccións do pasado mes de maio. En Bueu o BNG conta cunha ampla maioría absoluta e Ogando é a única integrante do goberno adscrita a unha das correntes existentes dentro do BNG.

–Ten pensado deixar ou pór a disposición dos seus compañeiros do grupo de goberno a súa acta de concelleira?

–Creo que este aínda non é o momento. Polo de agora sigo a ser militante do BNG porque aínda non me din de baixa. Son membro da Cordenadora Nacional do Encontro Irmandiño, que este domingo decidiu en asemblea deixar o BNG porque non se acadaron os obxectivos de rexenerar e refundalo despois de 30 anos. A decisión de deixar a militancia farase de maneira colectiva e tratarase nas vindeiras reunións da comisión.

–Dixo esta mesma semana que serían os seus compañeiros de goberno de Bueu os que decidirán a súa continuidade. Alguén lle pediu que deixara a súa acta como concelleira?

–Non. Eu teño claro que non vou crear ningún problema aos meus compañeiros nin ao meu alcalde. Se eles queren que quede no goberno local quedareime e se queren que marche marcharei.

–En todo caso, vostede parece que é a única persoa no goberno adscrita a unha das correntes do BNG.

–Non o sei, iso habería que preguntarllo aos meus compañeiros. Mais repítoo de novo. Eu non vou ser un problema e este grupo de goberno mantén dende hai cinco anos unha unidade de acción moi boa. E esa unidade non se pode perder.

–Cales son as sensacións que percibe nestes primeiros días?

–Aínda non houbo moito tempo, hoxe mesmo [por onte] nin sequera puiden estar co alcalde. Mais eu creo no proxecto co que nos presentamos ás eleccións locais e débome aos veciños e veciñas de Bueu que me elexiron dentro deste proxecto. Creo que este goberno está traballando ben, ou polo menos o mellor posíbel, e existe unha verdadeira unidade de acción.

–O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e destacados membros do BNG no Morrazo pediron esta mesma semana que os membros do Encontro Irmandiño que ocupan cargos públicos deberían pór as súas actas a disposción da formación como "acto de coherencia". Que pensa ao respecto?

–Cando falamos de manter a unidade de acción significa manter os gobernos actuais. Se unha parte dese goberno se fora, aínda que sexa de distinta sensibilidade ou agora de distinta organización, estaríamos a alterar a decisión dos cidadáns. Dende o Encontro Irmandiño o que se propón é buscar unha fórmula marco para manter a unidade de acción entre as dúas formacións e non deturpar o sentido do voto dos cidadáns. Pedímoslle ao BNG xenerosidade e propoñemos buscar unha fórmula para o conxunto do país.

–Fala de dúas formacións, BNG e Encontro Irmandiño. Pero todo parece indicar que en marzo haberá unha máis, se finalmente Máis Galiza segue o seu mesmo camiño.

–Non sei que é o que vai pasar nesa asamblea. O que si é certo é que hai moita xente en Máis Galiza, sobre todo a militancia de base, está por irse do BNG.

–Era absolutamente inevitábel chegar ata esta situación?

–O BNG ultimamente xa non era a casa común do nacionalismo, había dúas correntes e sensibilidades diferentes.Cómpre empezar un novo referente político plural e integrador. Porén ollo, o inimigo non é o BNG. Nós non queremos que morra o BNG. O inimigo está fóra, está na brigada de demolición de San Caetano.

Nenhum comentário: