14/03/2011

Taylorismo dixital: a educación non impedirá que Occidente se empobreza

Peter Wilby. Tirado de aqui e traducido por nós.
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiyrw8sMyv4FSAXR6pCAXATMx8KOeVbY-tkUHT2hlK8SHfhPDvGXY2WAwKQztaGi6uRuXFxN7kEUCEOamSwyg_reVGrTfMUbBsBc3BkQr2clxZT2whYlVeakr20mSRj0g-0lfPn8unWtYgo/s1600/Taylorismo2.jpg
Os empregados cualificados irán ao máis baixo postor globalizado. O declive dos soldos e a satisfacción laboral da clase media non fixo máis que empezar.

Os europeos occidentais e os norteamericanos están a piques de sufrir unha profunda conmoción. Durante os últimos 30 anos, diversos gobernos explicaron que, aínda que xa non poden protexer o emprego mediante formas tradicionais de intervención do Estado tales como subsidios e aranceis, poden ampliar e reformar a educación a fin de maximizar as oportunidades.Se hai un número suficiente de xente que se poña ao choio para adquirir habilidades e títulos de nivel superior, europeos e norteamericanos seguirán gozando dun nivel de vida en ascenso.Se traballan o bastante, cada nova xeración pode arranxarllas mellor que os seus pais. Todo o que hai que facer é conseguir que os colexios estexan á altura e persuadir ás universidades para que impartan habilidades"mercantilizábeis". Ese pensamento é o que se esconde tras as medidas políticas de Michael Gove e as de todos os seus últimos predecesores como ministro de Educación [británico].

Pero o derrube financeiro de 2008 e os consecuentes recortes da renda empezan a revelar lentamente unha espantosa verdade. Tal e como mostran as cifras publicadas a semana pasada pola Office for National Statistics, os salarios reais do Reino Unido non subiron desde 2005, a maior conxelación continuada do nivel de vida desde a década de 1920. Aínda que non golpeou á elite que traballa en banca, a conxelación afecta á maioría da clase media tanto como á clase traballadora. Non se trata dun problema pasaxeiro nin do resultado de deficiencias na educación. Nos EUA, que adoptaron a educación masiva moito antes que Gran Bretaña, o poder adquisitivo apenas se elevou nos últimos 30 anos. Do mesmo xeito que a educación fallou á hora de cumprir as promesas socialdemócratas de igualdade e mobilidade sociais, fracasará á hora de cumprir as promesas ultraliberais de oportunidades universais de mellora.

"O traballo de coñecemento", a suposta salvación de Occidente, expórtase hoxe como o traballo manual. A un mercado global masivo de traballo non cualificado está a sucederlle rapidamente un mercado de traballo de clase media, especialmente para industrias, como a electrónica, nas que se investiu tanta esperanza de oportunidades de emprego e de elevados salarios. Conforme aumenta a oferta, os patróns diríxense inevitabelmente á fonte máis barata. Un deseñador de "chips" custa en India dez veces menos que un dos EUA. Os ultraliberais esquecéronse de ler (ou reler) a Marx. "A medida que se acumula capital, a situación do traballador, sexa a súa paga elevada ou reducida, debe empeorar".

Estamos familiarizados coa deslocalización de empregos de pescozo branco de seccións administrativas ("back office"), [1] tales como a introdución de datos. Pero é que agora están a desaparecer tamén os das oficinas de contacto directo cos clientes ("middle office"). A análise de raios X, a elaboración de contratos legais, o procesamiento de declaracións da renda, a investigación de clientes bancarios, e até o deseño de sistemas industriais son exemplos de empregos cualificados que se van além mar. Nin sequera o ensino está inmune: o ano pasado unha escola primaria do norte de Londres contratou a matemáticos da India a fin de proporcionar titorías unipersonais a través da Rede. Microsoft, Siemens, General Motors e Philips atópanse entre as grandes empresas que realizan hoxe parte da súa investigación en China. O ritmo acelerarase. A exportación de "traballo de coñecemento" esixe só a transmisión de información electrónica, nada de fábricas nin de maquinaria. Alan Blinder, antigo vicepresidente da Reserva Federal norteamericana, calculou que un cuarto de todos os empregos do sector servizos nos EUA. poderían acabar fóra do país.

Os ultraliberais occidentais "de terra plana" (de acordo co libro de Thomas Friedman) [2] crían que os postos de traballo emigrarían ao exterior dunha forma ordenada. Podería perderse eventualmente algo de emprego cualificado, sostiñan, pero iso deixaría sitio para novas industrias, que seguirían demandando habilidades máis elevadas e pagando mellores salarios. Só os occidentais de elevada formación serían capaces de desenvolver a orixinalidade e adaptabilidade necesarias. Os países en desenvolvemento esperarían cortesmente a que innovásemos en novos terreos antes de tentar competir.

Porén, por que non ían dar o salto os países en vías de desenvolvemento por encima de Occidente? Asia produce hoxe máis científicos e enxeñeiros que a Unión Europea e os EUA xuntos. Para 2012, de seguir as actuais tendencias, os chineses patentarán máis inventos que calquera outra nación. Tal como mantén un novo libro, The Global Auction [Poxa global] [3] (dos sociólogos Phillip Brown, Hugh Lauder e David Ashton), a próxima xeración de empresas innovadoras poida que non sexa norteamericana ou británica e, aínda que o fose, poida que non ofereza emprego a traballadores norteamericanos ou británicos.

Iso suxire que os ultraliberais cometeron un segundo e seica máis importante erro. Asumiron que o "traballo de coñecemento" entrañaría sempre a autonomía persoal, creatividade e satisfacción no emprego ás que estaban afeitas as clases medias. Non entenderon que, igual que a revolución industrial permitiu que o traballo manual convertésese en rutina, na revolución electrónica sobreviríalle o mesmo destino a moitos empregos profesionais. Moitas "habilidades de coñecemento" acabarán do mesmo xeito que as habilidades artesanais. Están a ser trituradas, codificadas e dixitalizadas. En cada rúa maior había outrora un xerente de banco que facía uso da súa discreción e coñecemento do lugar para decidir que clientes podían optar a un crédito. Agora ese traballo faio o programa informático. A capacidade humana de xuízo queda reducida ao mínimo, o que explica por que se lle negan con frecuencia créditos a algúns solicitantes debido a algún pago vencido mínimo e xa esquecido.
Brown, Lauder e Ashton denominan "taylorismo dixital" a este fenómeno, seguindo a Frederic Winslow Taylor, que inventou a"xestión científica" a fin de mellorar a eficiencia industrial. Os servizos telefónicos de atención ao cliente esixen que os clientes marquen unha serie de números que che dirixen a un traballador, posiblemente dun país en desenvolvemento, que responderá as preguntas de acordo cunha serie de protocolos prescritos. Non estamos máis que ao principio; até o ensino vese cada vez máis reducida a metas a curto prazo, enormemente concretas, gobernadas por listas informatizadas.

O taylorismo dixital fai máis fácil exportar empregos, pero, de forma crucial, cambia a natureza de boa parte do traballo profesional. Os aspirantes a licenciarse enfróntanse non só á perspectiva de salarios máis baixos, pensións máis reducidas e menos seguridade no posto de traballo do que gozaron os seus pais senón de carreiras que lles satisfagan menos. É verdade que en calquera das profesións e empregos quedará un equipo de pensadores e decisores no máis alto -talvez  10% ou 15% do total- mais a grande masa de empregados, teñan ou non alta calificación, desempeñará funcións rutineiras por un modesto soldo. Só quen posúan calificaciones de elite de universidades de elite (non todas en Europa ou Norteamérica) obterán da educación as recompensas prometidas.

Os efectos das restricións financeiras e o programa de redución do déficit suporán unha ameaza que pasa con moito a supervivencia deste goberno. Con toda probabilidade, asistiremos a unha redución permanente dos niveis de vida británicos que non poderá deter a reforma da educación. O ultraliberalismo, xa bastante danado polo derrube financeiro, quedará completamente desacreditado. Os gobernos terán entón que repensar as súas actitudes con respecto á educación, a desigualdade e o papel económico do Estado.

Notas do t.: [1] En inglés distínguese entre "front office", "middle office" e "back office" que se refiren respectivamente nunha oficina á recepción, a sección de contacto directo co público e aquela parte administrativa ou "trastenda" que non é directamente visíbel para o cliente. [2] The World is Flat, A Brief History of the Twenty-FirstCentury, Farrar, Strauss & Giroux, Nova York, 2005 [A terra é plana, breve historia do mundo globalizado do século XXI, Edicións Martínez Roca, Barcelona, 2006]. Aínda que Thomas L. Friedman, coñecido comentarista do New York Times, é un dos adaíles xornalísticos das vantaxes e beneficios da globalización, no libro sinala a necesidade de dispor dunha forza produtiva mellor formada, dado que os traballos menos especializados subcontrátanse noutros países. [3] The Global Auction: the broken promises of education, jobs, and incomes [Poxa global: as promesas rotas da educación, empregos e rendas] Oxford University Press, 2010.

Nenhum comentário: