25/12/2010

Orfandade política (IV): A esquerda social e a súa dinámica política

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado de aquí.

Unha das máis evidentes conclusións que tiramos da RdR (Rolda de Rebeldía), á vez que unha das dificultades, era en afirmar que a esquerda social era política; non no sentido partidario mais si no senso definitorio da súa acción, custábanos aceitar a diferenciación entre esquerda social e esquerda política, mais usámolo como pretexto de referencia, aínda que non nos gustou, un ano despois, seguimos sen saber como denominar de forma integradora a unha e outra. Repito, que o que era evidente era que a esquerda social era política.

Na relación entre esta, que constituiría o novo suxeito político e o referente político, como xa expliquei na primeira aportación desta serie de artigos, emerxeu un sentimento de orfandade; hai outros paradigmas -dentro da esquerda social-; uns que afirmarán que nunca sentiron estar “apadriñados”; outros repetirán que non é necesario ter un referente político; tamén se dirá que sentimento de “orfo” implica ser-fillo-de e por tanto, dependente-de… Pois ben, o que estamos a dilucidar é se un suxeito político sen (ser) referente político é unha debilidade ou non.

Ao meu modo de ver, hai razóns polas que se pode afirmar que isto sería unha debilidade:

A cesión dun poder real. Hai un ano escoitei a B. Cassen en Oleiros, convidado por Altermundo afirmar como unha das debilidades dos Foros Sociais fóra non introducir a vontade política no seu seo, e como era preciso en moitos casos para poder construír as demandas que se verquían neles, a participación das institucións públicas, porque en moitos casos eran a elas ás que se referían moitas das demandas ou denuncias.

Emanando do enunciado anterior, un pode preguntarse, como podemos repolitizar a economía sen participar da política?

Para iso claro que hai que respeitar a relación en plano de igualdade das organizacións sociais e políticas, referidas a diferentes esferas do poder social. En alusión á argumentación do orfo como filla/o-de-alguén, o que se ten que ter claro é que nesta relación de orfo, o importante é o filla/o, o filla/o pode ter nai-pai ou estar orfo, pero a nai-pai sen fillo…, non é (unha aclaración disto é Galiza non Se Vende e a súa valoración por parte do BNG-UPG). Hai que ser filla/o pra concebir a paternidade.

A necesidade de defender unha cohesión da pluralidade discursiva, noutras palabras, hai que defender un mundo onde caiban moitos mundos con máis estratexias que cada “mundo” se salve como poida. Hai que tomar unha defensa común dos intereses colectivos e plurais desde o poder lexislativo.

Neste momento, o referente político tórnase imprescindíbel para pretender unha hexemonía da esquerda no senso gramsciano. A práctica dunha humildade propositiva, que permita pasar da denuncia e da protesta ao anuncio de alternativas políticas reais.

Necesidade de rematar cos malos ou bos governos e comenzarmos a falar do Bo Governo, de obrigar a facer boas prácticas nas institucións políticas, como a transparencia financeira, a participación cidadá, etc…
A reciprocidade entre a responsabilidade política e a civil, sen un referente político que salvagarde como activo supremo o suxeito político que é esquerda social, esta só poderá defenderse sen desenvolver a súa potencialidade propositiva.
É por isto, que certamente a cidadanía política é a responsábel da construción social da realidade, no sentido máis estritamente republicano da atención da “res pública” por parte das vontades individuais, non sería outra cousa que a reconquista da dimensión comunitaria da persoa. Esta é a dinámica política da esquerda social. Unha esquerda social que debe atender-se e preocupar-se pola súa cohesión e a súa dimensión constitutiva para seren; porque o momento no que vivimos, ou fai un exercicio de aprofundización nas súas esixencias ou será aniquilada como suxeito político e sustituída por un “modo de vida” invidivualista. Por tanto:

-          A esquerda social ou é presencia activa, ou non será. (Ten que achegarse ao discurso da realidade da vida cotiá e das persoas do común).
-          A esquerda social ou é dinámica, ou non será. (Adaptándose e respondendo a cada circunstancia, propoñendo solucións e entrando en contradición consigo mesma na práctica de alternativas).
-          A Esquerda social ou é materialista, ou non será. (A realidade concretiña, o acontecemento como lugar de partida, cos pés no chan).
-          A esquerda social ou é consciente, ou non será. (sociopoliticamente formada, partillando coñecemento e aprofundando nunha ampla dimensión, cunha consciencia da súa identidade nacional por proxección internacionalista).
-          A esquerda social ou é transcendente, ou non será. (Manter o pulso do materialismo co utópico, amar imposíbeis e ir sempre alén das derrotas e vitorias).
-          A esquerda social ou é comunicación, ou non será. (Saír de si mesma, dos seus “lugares” definitorios, comprender diferentes análises e experiencias, autoxestionaria no compromiso de facerse a si mesma, desprendida e entregada cara a novos horizontes).
-          A esquerda social ou é independente ou non será. (Sen ser correa de transmisión e sen pretender que o referente político o sexa dela, aceitando as diferentes esferas do poder social e mantendo unha tensión que impulse o avance das conquistas).
-          A esquerda social ou é cohesión desde a pluralidade, ou non será. (Heterodoxa).
-          A esquerda social ou é militante, ou non será. (Nun continuo proceso de unificación e integración progresiva das esferas conquistadas polo ultraliberalismo).
-          A esquerda social ou é republicana, ou non será. (No senso da responsabilidade civil das vontades individuais).

 Agora, resolvimos o conflito da orfandade política? Penso que non, penso que é un proceso, onde tanto a esquerda social como as vontades colectivas que traballan por un proxecto político en consonancia con esta, deben facer un traballo conxunto, de diálogo e de achegamento, xogando cos tempos e os ritmos e planificando conxuntamente un idearium discursivo integrador; e aceitando aquela premisa da internacional de que ningún dereito sen obriga e ningunha obriga sen dereito en ámbalas esferas do poder social. E coa paciencia necesaria polas dores, tanto de parto coma de encetar momentos de “soltar lastre” de prácticas xa non acaídas.

Nenhum comentário: